viernes, 15 de noviembre de 2013

DÍA DO PEÓN 2013


O luns 11 de Novembro de 2013 celebrouse en todo o país a 9ª edición do Día do peón. É unha actividade convocada por Brinquedia, a rede galega do xogo tradicional.

Esta entidade propón unha serie de actividades para realizar antes, durante e despois do citado día. O obxectivo principal é conseguir introducir o xogo do peón, botando man do dito popular "Polo San Martiño, peóns ao camiño".

O acto central celebrouse no CEIP de Muimenta. O noso colexio foi convidado e aló fomos todo o alumnado de Educación Primaria.

A Asociación de xogos tradicionais de Muimenta (Xotramu) foi a encargarda de coordinar as actividades que se desenvolveron, que foron:

* Mostra de debuxos alusivos a este enredo tradicional.

* Exposición de diferentes peóns e  bailaretes.

* Mostra en vivo de como se constrúe un peón (labor feito por Paco).

* Lectura do Manifesto do peón (redactado por Mónica de Xotramu e lido por un avó de Muimenta).

* Baile da canción do peón "Fago o camiño", dirixida polos nenos e nenas da  nosa escola.

* Exhibición de habilidades cos peóns, realizadas tamén polo alumnado da Capela.

Aquí tedes unha mostra de imaxes tomadas ese día.




      
        
 
O alumnado de Educación Infantil celebrou o Día do peón 2013 na escola. Sobre das doce da mañá, ata alí se achegaron avoas, avós, tías, nais e pais do noso alumnado máis pequerrecho.  
 
Comezaron as actividades visitando unha mostra de bailaretes artesáns feitos polos propios nenos e nenas. Continuaron coa demostración por parte dalgún familiar de como se baila un peón. De seguido unha tía dunha alumna realizou a lectura do Manifesto do Día do peón. Saíron posteriormente diante da escola para bailar a canción "Fago o camiño". 
 
Remataron facendo virar os bailaretes mollados en pintura de dedos, realizando esta actividade sobre duns papeis grandes, circulares, colocados nunhas mesas, correspondentes ás tres idades das nenas e nenos de Infantil.
Velaí tedes outra escolma de imaxes tomadas ese día na nosa escola.