O luns 11 de Novembro de 2013 celebrouse en todo o país a 9ª edición do Día do peón. É unha actividade convocada por Brinquedia, a rede galega do xogo tradicional.
Esta entidade propón unha serie de actividades para realizar antes, durante e despois do citado día. O obxectivo principal é conseguir introducir o xogo do peón, botando man do dito popular "Polo San Martiño, peóns ao camiño".
O acto central celebrouse no CEIP de Muimenta. O noso colexio foi convidado e aló fomos todo o alumnado de Educación Primaria.
A Asociación de xogos tradicionais de Muimenta (Xotramu) foi a encargarda de coordinar as actividades que se desenvolveron, que foron:
* Mostra de debuxos alusivos a este enredo tradicional.
* Exposición de diferentes peóns e bailaretes.
* Mostra en vivo de como se constrúe un peón (labor feito por Paco).
* Lectura do Manifesto do peón (redactado por Mónica de Xotramu e lido por un avó de Muimenta).
* Baile da canción do peón "Fago o camiño", dirixida polos nenos e nenas da nosa escola.
* Exhibición de habilidades cos peóns, realizadas tamén polo alumnado da Capela.
Aquí tedes unha mostra de imaxes tomadas ese día.